CLUBE DE LECTURA O SOUTO DOS LIBROS

viernes, 23 de diciembre de 2011

DECORACIÓN DE NADAL

Co gallo destas festas, varios departamentos animaron o  alumnado a colaborar na decoración do Centro.
A exposición  de postais constituíu unha parte deses adornos. Presentáronse 76 traballos que optaban a dous premios. Resultaron gañadores Alba Sestelo Pregal ("Mellor deseño") e Sergio Ocampo González ("Mellor texto en lingua galega"), os dous de 1º ESO A.
Nesta presentación podedes ver as fotografías do Instituto con aroma de Nadal. 
MOITAS FELICIDADES!



lunes, 19 de diciembre de 2011

ALMORZOS LITERARIOS

Almorzos literarios do club de lectura na cafetería do Instituto

   3º e 4º ESO: xoves, 19 de xaneiro no recreo. Falaremos sobre o relato primeiro de O único que queda é o amor, de A. Fernández Paz.
  1º e 2º ESO: martes, 17 de xaneiro no recreo. Comentaremos a lenda inicial de Popocatépetl. Leyendas sudamericanas.

sábado, 10 de diciembre de 2011

SUCESOS

 UN CAN NO INSTITUTO

Por ANDREA LEITÓN ALDAO, 4º PDC

 O un de decembro de dous mil once, un grupo de catro mozos e mozas foron ao instituto como acostumaban. Aquel día tiñan que traballar na biblioteca.
 Cando se atopaban en plena concentración, un acabando un exame dun libro de lectura e os outros  facendo unhas fichas de sociais sobre a Revolución Francesa, de súpeto, escoitaron os ladridos dun can. Unha das mozas levantouse a ver pola ventá e empezou a gritar: “ Mirade, un can dentro do recinto!”. E todos se asomaron a ver o que pasaba.
 Inmediatamente apareceron atrás del Héctor e Montse (os conserxes) para  botalo fóra. E conseguírono. Pero non sabían que o can era moi espilido e en canto deron a volta  volveu entrar por un burato da rede. 
 A acción repetiuse varias veces. Entón decidiron poñer unhas pedras de gran tamaño que tapasen  o burato. Pero, para abraio de todos os espectadores, con moita maña, o teimudo cadelo empurrou as pedras co fociño conseguindo o seu obxectivo.
 Non quedaba máis remedio que pasar ao plan be: Álvaro (xefe de estudos) e Paz (directora) presentáronse  cunha corda e  un anaco de pan coa intención de prendelo por medo a que lle puidera trabar a calquera neno ou nena.
Pero non foron quen. O can érache ben renarte e saíuse coa súa. Pasou no instituto toda a mañá e marchou antes de que chegaran os da canceira para levalo.
 E querería matricularse na ESO?

 ALGUÉN COÑECE ESTE CAN OU SABE QUE FOI DEL?
 ESCRIBÍDENOS UN COMENTARIO.
 MOITAS GRAZAS.





  Lugar por onde conseguiu pasar apartando as pedras.




sábado, 12 de noviembre de 2011

CONCURSO "A SEMANA QUE ANDAMOS"

  O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais a Biblioteca poñemos cada luns nunha zona ben visible información relevante sobre esa semana. Os venres tendes opción de participar no concurso respondendo correctamente as cuestións que se formulan; ao inicio do mes seguinte facemos un sorteo entre os participantes.


ANIMÁDEVOS, HAI PREMIOS A ESGALLA!


NOEMÍ RODRÍGUEZ FRANCISCO, 2º A
Gañadora do mes de novembro
Parabéns!

martes, 8 de noviembre de 2011

CLUB DE LECTURA

  Estamos a piques de iniciar unha nova andaina polo souto. Hai xa uns días que os castiñeiros do contorno nos chaman.
  En breve saberedes cal é a lectura coa que nos  volveremos atopar no "Souto dos libros" 

viernes, 13 de mayo de 2011

NOVA PROPOSTA NO SOUTO DOS LIBROS



Ofrecémosvos unha lectura moi amena na que as ilustracións entreteñen tanto como a variada presentación do texto, non atoparemos dúas páxinas iguais. Claro que todo se relaciona co enigmático veciño de abaixo...

martes, 10 de mayo de 2011

VIAXE A AFGANISTÁN

Dende "O souto dos libros" fixemos  unha viaxe ao Afganistán de Nassima. Ela falounos de Kabul, capital do país; das prohibicións dos talibáns; da terrible opresión sobre as mulleres; da extremada pobreza da maioría da poboación... E tamén nos amosou a beleza da súa terra e o importante que é loitar, amala e coidala por enriba de todo para que os soños algún día se cumpran.


 

domingo, 8 de mayo de 2011

MAIO DAS LETRAS



A poesía volverá inundar o instituto, desta vez 
con Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras 2011.








Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva


Acróstico

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

substituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.








miércoles, 6 de abril de 2011

DÍA DO LIBRO INFANTIL



  Conmemoramos o "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil" a propósito do nacemento de Hans Christian Andersen.



No expositor da Biblioteca podedes coller os libros seleccionados e disfrutar das súas ilustracións.

martes, 29 de marzo de 2011

TARDE CON M. NÚÑEZ SINGALA

O día 14 de marzo charlamos na Biblioteca con M. Núñez Singala, quen fixo unha exposición centrada na súa obra Comedia bífida para explicar a situación actual do idioma.

  Algunhas persoas de 4º representaron un pequeno guión.
  Antes de marchar o escritor asinou no noso "Libro de visitas".


jueves, 17 de marzo de 2011

CEN MULLERES GALEGAS Exposición e concurso

  Nas escaleiras que levan ao primeiro andar  do noso Instituto hai estes días unha ampla exposición sobre cen mulleres galegas.
  Podedes participar no concurso organizado a tal efecto e depositar na caixa do mostrador da Biblioteca as cuestións respondidas.
  Para que o fagades con máis detemento deixámosvos neste  enlace co departamento de normalización lingüística  toda a información. ÁNIMO!

lunes, 14 de marzo de 2011

ESTAMOS DE FESTA!

Pasamos de cero a mil nun só curso!
Pouco a pouco imos enchendo a Biblioteca grazas á colaboración de todas as persoas que, desinteresadamente, aportades o voso gran de area.
Para celebralo, o rexistro 1000 é o libro escollido nesta ocasión no Club de Lectura. Ademais, se vos animades a levalo recibiredes un doce obsequio. 


ESTA É A IMAXE DO LIBRO QUE ENTROU CO
NÚMERO 1000
NA NOSA BIBLIOTECA:

NASSIMA, á sombra dos talibán,
de Merçé Rivas Torres




 
Narra a historia dunha nena de dez anos, nacida no Afganistán dos talibán que decide vivir unha apaixonante aventura fuxindo do país envolta nunha alfombra...

QUERES ACOMPAÑALA?

VEN AO CLUB DE LECTURA “O SOUTO DOS LIBROS”!

ALTAMENTE RECOMENDABLE

Con motivo do Día Internacional da Muller dende a Biblioteca queremos recomendarvos un dos últimos libros de Xerais. Trátase dun  intenso relato maxistralmente ensarillado que nos amosa a fortaleza humana e a capacidade de supervivencia  diante da adversidade. A autora galega, Yashmina Shawki, ofrécenos na Fundación Libélula un fermoso canto á liberdade...

"-Rapaza, a vida non é dos máis fortes nin dos máis listos. A vida é dos que caen, máncanse, choran, sofren e despois levántanse coa carraxe e volven pelexar. Unha e outra vez. Os que resisten gañan, sempre."

jueves, 10 de marzo de 2011

VISITA DO ESCRITOR M. NÚÑEZ SINGALA

O vindeiro luns, 14 de marzo, ás 16.30 h,  temos unha cita co escritor Manuel Núñez Singala na Biblioteca. O autor de Comedia bífida, O achado do castro, Menú de enganos e En galego, por que non? charlará co alumnado de 4º ESO.

miércoles, 9 de marzo de 2011

DÍA DE ROSALÍA

Un 24 de febreiro naceu Rosalía de Castro, marabillosa escusa para continuar recitando e que Dinamización Lingüística presentase o nº. 2 dos Cadernos de Poesía "Entreeidos, Rosas de Rosalía".

POESÍA DE AMOR

Arredor do 14 de febreiro CELEBRAMOS O AMOR CON POESÍA E CON PAN. Nos corredores, na entrada do instituto, na cafetería, na biblioteca... tivemos ocasión de ver e escoitar poemas en varias linguas. 
Dinamización Lingüística presentou na biblioteca o 1º. nº. dos Cadernos de Poesía "Entreeidos, Amor (di)verso".

lunes, 7 de marzo de 2011

VISITA DO ESCRITOR FRANCISCO CASTRO

Alá por decembro o alumnado de 1º ESO tivo oportunidade de coñecer o autor da obra Chamádeme Simbad, unha das lecturas do 1º trimestre.