CLUBE DE LECTURA O SOUTO DOS LIBROS

viernes, 16 de noviembre de 2012

XUNTANZA CO ESCRITOR AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



  VICIOSOS DA LECTURA
   
  O 7 de novembro permanecerá na memoria como o día no que Agustín Fernández Paz enmeigou a  cincuenta  almas valéndose da  súa poderosa maxia  verbal. 

  Apenas puxo  pé na biblioteca,  escoitouse un cálido  aplauso. Axiña se fixo coas caras e cos nomes dos alí presentes. Xa non tiñamos volta atrás. Caeramos nas súas redes irremediablemente.

  Falounos  dos fantasmas cos que conviviu  a cotío na súa infancia; dos libros que deixan fondas pegadas nas persoas, tan fondas que incluso nos cambian a vida.

 A necesidade imperiosa de contar historias para subsistir é inherente á condición humana,  hai tantas  como area na Praia de Samil, a dificultade radica en construílas para que os lectores se apropien delas, ese é o maior premio para un escritor.

  Toda novela é como un iceberg: o que se le é o que se ve na superficie (as dúas quintas partes), por debaixo está o traballo previo de documentación do autor. Este crea os personaxes, acompáñaos alá onde vaian e son eles mesmos os que lle indican que chegou ao final da historia.

  Tamén nos  agasallou cuns consellos para ser escritor: ler moito moito moito e con paixón, ver bo cine e ter moita paciencia (escribir é unha carreira de fondo).

  Ao cabo da disertación o engaiolamento do auditorio  manifestábase en cada rostro. Un entusiasmo lector apropiouse do espazo e invadiu  os corazóns. Sábese que algunhas daquelas persoas víronse impulsadas a frecuentar máis a biblioteca; outras van camiño de “engancharse”  aos libros demandando títulos;  hainas que están a piques de cruzar ao  lado poético; incluso se rexistran  casos de viciosos da lectura…  Cremos que xa non hai solución.

  Dende a  Biblioteca “Agustín Fernández Paz” agradecemos  a presencia  de Xesús Alonso Montero e Juan Francisco Centrón Montero,  viciosos empedernidos.

  Grazas a  Agustín Fernández Paz, principal vicioso da lectura.