VICIOSOS DA LECTURA
O 7 de novembro permanecerá na memoria como o día no que Agustín Fernández Paz enmeigou a cincuenta almas valéndose da súa poderosa maxia verbal.
O 7 de novembro permanecerá na memoria como o día no que Agustín Fernández Paz enmeigou a cincuenta almas valéndose da súa poderosa maxia verbal.
Apenas puxo pé na biblioteca, escoitouse un cálido aplauso. Axiña se fixo coas caras e cos nomes
dos alí presentes. Xa non tiñamos volta atrás. Caeramos nas súas redes
irremediablemente.
Falounos dos fantasmas cos que conviviu a cotío na súa infancia; dos libros que
deixan fondas pegadas nas persoas, tan fondas que incluso nos cambian a vida.
A necesidade imperiosa de
contar historias para subsistir é inherente á condición humana, hai tantas
como area na Praia de Samil, a dificultade radica en construílas para
que os lectores se apropien delas, ese é o maior premio para un escritor.
Toda novela é como un
iceberg: o que se le é o que se ve na superficie (as dúas quintas partes), por
debaixo está o traballo previo de documentación do autor. Este crea os
personaxes, acompáñaos alá onde vaian e son eles mesmos os que lle indican que
chegou ao final da historia.
Tamén nos agasallou cuns consellos para ser escritor:
ler moito moito moito e con paixón, ver bo cine e ter moita paciencia (escribir
é unha carreira de fondo).
Ao cabo da disertación o
engaiolamento do auditorio manifestábase
en cada rostro. Un entusiasmo lector apropiouse do espazo e invadiu os corazóns. Sábese que algunhas daquelas
persoas víronse impulsadas a frecuentar máis a biblioteca; outras van camiño de
“engancharse” aos libros demandando
títulos; hainas que están a piques de
cruzar ao lado poético; incluso se
rexistran casos de viciosos da
lectura… Cremos que xa non hai solución.
Dende a Biblioteca “Agustín Fernández Paz”
agradecemos a presencia de Xesús Alonso Montero e Juan Francisco
Centrón Montero, viciosos empedernidos.
Grazas a Agustín Fernández Paz, principal vicioso da
lectura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario